Monday 16 de September de 2024

O Sons da Vila 2024 animará as rúas da Pobra con dez concertos


Dez grupos levarán a súa música en directo ás contornas das terrazas da Pobra do Caramiñal nos meses de xullo e agosto. A Concellaría da Cultura activa a sétima edición do Sons da Vila con tres obxectivos: diversifica-la oferta cultural no verán, darlle visibilidade a grupos da zona e dinamiza-las inmediacións dos establecementos hostaleiros, segundo deu a coñece-la edil Patricia Lojo.

 

A concelleira engadiu que o ritmo soará nos mércores, no núcleo urbano, e nos xoves, nas paraxes naturais, para anima-las rúas durante a semana, ao que tamén contribuirá o Verán Cultural en vindeiras datas.

 

No mes de xullo actuarán Os Barbansónicos (día 10, praza Paulino Santos); Kolokón (día 17, praza Victoriano García Martí), Rockolas (día 18, praia da Lombiña); The Monkeys Acoustic (día 24, paseo dos Areos); e Mar Davila (día 31, paseo dos Areos).

 

E, en agosto, o protagonismo recaerá en The Cuncas, (día 7, praza de Maura), Caras B (día 8, praia da Illa); D Crooners Band (día 21, Xardíns de Valle-Inclán); Airband (día 22, praia da Lombiña); e Opendrink (día 28, rúa Rafael Calleja).

 

A maioría das sesións musicais arrancarán ás 21.00 horas, agás nas xornadas do 18 de xullo e 8 e 22 de agosto, que serán ás 20.00 horas.